Biografía

Fina Casalderrey

Xosefa Casalderrey Fraga (Fina Casalderrey) naceu no lugar de Pilarteiros, parroquia de Santo André de Xeve (Pontevedra), en agosto de 1951. Cando contaba cun ano de vida, o 14 de setembro de 1952, asistiu a un importante acontecemento do que só ten memoria por boca dos seus proxenitores -un mecánico e unha costureira, daquela aínda moi novos-: gozou do privilexio de asistir á súa voda e ser testemuña directa dunha fermosa historia de amor. Deseguido foron vivir ao lugar do Castelo, ao abeiro do San Benitiño de Lérez e moi preto de onde no medievo se erguía a fortaleza de Cedofeita. O ambiente rural dos seus primeiros anos e as historias que lle narraba seu pai contribuíron en modelar a súa escola do fantástico. E en Lérez, no lugar do Cruceiro, segue a vivir na actualidade.

O galego era a lingua de seus pais e a súa propia. Lingua na que nunca puido deixar de soñar, mesmo cando -primeiro na escola pública da Porta do Sol de Lérez e despois no Instituto de Pontevedra (hoxe IES Valle-Inclán)- houbo de finxir abandonar nas relacións sociais, por imposición das circunstancias de opresión que lle tocou vivir.

Con 9 anos, no verán de 1960, foi a clases de “corte e confección”. Súa nai quería que, mellor ca “costureira”, fose “modista”. Ante a súa habelencia para a costura, dona Amelia, a profesora do curso, pediu que lle mercasen un manequín que case a dobraba en estatura, daquela a nai decidiu que o seu sitio aínda estaba na escola. Máis tarde, por consello da súa mestra, comezou o bacharelato no instituto da Avenida de Montero Ríos (o único que había en Pontevedra para rapaces e rapazas, aínda que en aulas separadas) e continuou no novo Instituto Feminino (antiga Escola Normal) onde rematou o bacharelato “elemental”. Deseguido estudou maxisterio cando a Escola Normal xa fora trasladada á beira do río Lérez.

O seu primeiro destino como mestra foi una substitución en Pontecesures. Alí deu con Avelino Pousa Antelo e empezaron a xurdir preguntas e a atopar algunhas respostas á diglosia que se respiraba no seu ambiente. Foi daquela que comezou a adaptar contos populares ao teatro para representalos co seu alumnado para seguir con sinxelas pezas de creación propia. Actividade que non abandonou nunca durante os corenta anos de docencia.

Aquelas primeiras nocións de “costura” servíronlle para reflexionar e aprender sobre a importancia da estrutura nunha narración e de dosificar convenientemente os descubrimentos que a lectura gozosa ha de aportar, do mesmo xeito que os petos ou os adobíos dunha prenda han de ir no lugar axeitado para que sexa vistosa e útil; e, en todo caso, que non coute a liberdade de camiñar.

Nos comezos como ensinante, foron tantos os destinos (Pontecesures, San Cipriano de Ribarteme, Catoira, Cambados, Covelo da Lama, Barcia da Lama, Campelo da Lama, Bora, Mosteiro- Meis…) que, en canto tivo oportunidade, quedou 25 anos no, daquela Grupo Escolar, Santa Lucía de Moraña. Logo, os dez últimos anos, previos á súa xubilación, impartiu docencia no IES Illa de Tambo de Marín. E cada neno, cada nena, cada escola, foi deixando un pouso na súa memoria.”Oxalá tamén algo bo de min quedase un chisquiño en todos eles”, di ás veces. Asegura que as horas extra, ano tras ano, investidas co seu alumnado despois das clases, foron a súa mellor “licenciatura” en pedagoxía.

A súa especialidade, por oposición, é Matemáticas e Ciencias da Natureza, pero naquel fervedoiro do comezo da Lei de Normalización, diplomouse en Lingua e Literatura Galega na Escola Oficial de Idiomas (por libre, en Pontevedra aínda non se abrira tal Centro). Cambiar a Escola, achegala máis á realidade, instouna a realizar co seu alumnado diferentes traballos relacionados coa investigación etnográfica no entorno próximo (os hórreos, os apeiros de labranza, a climatoloxía e astroloxía popular, as festas populares, a medicina popular, os xogos tradicionais, cantigas, refráns, lendas…), moitos deles premiados no seu día polo Museo de Pontevedra, pola Xunta de Galicia ou pola Xefatura Nacional de Tráfico. Todos eles en Galego. En parte, eses traballos foron o inicio dunha publicación colectiva, coordinada por Mariano García (Terras de Moraña: Unha realidade na historia, na lenda, na lembranza… 2002), publicada polo Concello de Moraña moitos anos despois da súa elaboración.

Xunto con Mariano García, publicou os ensaios: O libro da empanada (1993), Festas gastronómicas de Galicia (1994) e Repostería en Galicia (1997) (3º Premio Álvaro Cunqueiro de Periodismo Gastronómico).

En relación co mundo do ensino, en 1996, publica Recursos teatrais para a expresión dramática na escola (7 pezas para representar).

Outras publicacións pedagóxicas foron: Lecturas 2 (1º Ciclo EP). Edebé, 1997; Tren dos contos 1º; EP. Lecturas. SM, 2006; Un dous tres hora de ler. SM Xerme, 2008; Tic tac tic hora de llegir! SM, 2008; Medrando Sans. Xunta de Galicia, 2008.

Exerceu de pregoeira en diferentes Feiras do Libro e tamén en eventos gastronómicos en múltiples ocasións. Impartiu charlas-coloquio, mesas redondas, conferencias… relacionadas coa LIX ou coa Gastronomía, dentro e fóra de Galicia, en Centros de Ensino, Asociacións Culturais, Museos, Centros Galegos, Universidades… (Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense, A Coruña, Lugo, así como diferentes cidades de Asturias, Cantabria, Navarra, Aragón, Castela-León, Comunidade Valenciana, Madrid, Estremadura, Murcia, Andalucía, Canarias… Tamén na Bretaña Francesa, Xenebra (Suíza), Hamburgo (Alemaña), Cork (Irlanda), Rabat e Casa Blanca (Marrocos), A Habana (Cuba), Caracas (Venezuela), Panamá, Guadalajara (México), Boloña (Italia)…

Participou no informe da UNESCO de 1997 La educación encierra un tesoro.

Foi membro da directiva de Gálix dende setembro de 2001 ata xaneiro de 2004. Pertence ao PEN Club dende o 12 de xaneiro do ano 2008, e á AELG dende o 1 de xullo de 2009.

No ano 1991 deuse a coñecer no mundo das publicacións coa novela xuvenil Mutacións xenéticas. Dende entón, publicou máis de sesenta títulos, dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís aos que lles hai que sumar máis de vinte historias recollidas en volumes colectivos. Os seus libros, sempre escritos inicialmente en galego, tradúcense habitualmente ás demais linguas do estado. Algúns tamén ao bretón, coreano, inglés, francés, italiano, portugués, córnico, serbio ou chinés.

Dende novembro de 2013 forma parte da RAG (Real Academia Galega) como membro numerario. O seu discurso de ingreso levou por título: Viaxe á semente. Dende os refachos do corazón ata onde habita o imaxinario. [Ligazón PDF]

Colabora en prensa con artigos e outros traballos que aparecen espallados por xornais e revistas: Diario de PontevedraProgreso de LugoNós de Sabadell, FadamorganaGolfiño, CLIJ, Cedofeita, Tempo Exterior, Grial, Maremagnum, DE NÓS (Sermos Galiza), Encrucillada…

Por dous artigos publicados no Diario de Pontevedra fóronlle concedidos os premios Puro Cora (2001) e o Fernández del Riego (2003).

No ano 1996 foille concedido o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por O misterio dos fillos de Lúa.

Fina Casalderrey

Notas autobiográficas (2000)

¡Un texto autobiográfico! É mágoa que teña que ser eu quen o escriba. Se lle deran a oportunidade a meus pais (xa non teño avós) exporían calidades extraordinarias sobre a miña persoa e méritos incribles arredor do meu traballo. Eu… ¿que podo dicir? Non son unha beleza de pasarela, non nacín nun pazo e, de nena, nin sequera tiñamos biblioteca no barrio (¡imaxinade no colexio ou na casa!). Non pasei fame de xurelos nin de cariño, mesmo engadiría que nin de historias; contábanmas meu pai e a radio (eles foron os meus primeiros clásicos). Si pasei fame de libros, aínda que os que afanaba ás agachadelas tiñan sabor a larpeiradas. E é que, no meu ambiente, case era “pecado” ler cousas que non levasen por título Matemáticas, Xeografía…

Aquela escaseza de lecturas paréceme irrecuperable e síntoa coma unha enfermidade que quixera deter a medida que cumpro anos, para que non siga avanzando. Quizais por iso, cando entro nunha gran librería sinto unha mestura de gozo e de angustia. ¡Cantos libros! ¡Que marabilla! ¡Como me gustaría lelos todos! ¿A metade? ¡Imposible! O tempo, o tempo… Por se acaso, merco os que podo, aínda que non os lea todos. Son coma unha manta que gardo para os días de frío coa que me sinto protexida.

Nacín en Xeve (Pontevedra). A miña infancia desenvolveuse entre Xeve e Lérez (onde vivo actualmente) nun ambiente rural que paulatinamente vaise facendo semiurbano, urbano… Xa case non falamos entre a veciñanza, polas mañás mestúranse os trinos dos paxaros coas bucinas e rouquéns dalgúns coches… O saco da miña nenez está cheo de vivencias, para min, entrañables.

Cando aprendín a utilizar a palabra, pedín unha irmá. Insistinlles moito a meus pais para que fosen á feira a comprarma antes de que se esgotasen as mellores. Tardaron case oito anos en me facer caso, pero á fin trouxéronma e fun a nena máis feliz do mundo. O día en que naceu había festa en Lérez, pasaba moita xente por diante da miña porta; senteime no banco de pedra que aínda segue pegado á fachada da casa de meus pais, a miña casa, e dáballes a boa nova a todo o que pasaba:

—¡Teño unha irmá!

Algúns, e algunhas, mirábanme raro, pero eu seguía feliz estendendo a importante noticia.
Recordo as alegres merendas nas leiras. A media tarde, ese era o momento no que puntuais apareciamos formando parte da roda de xornaleiros e é que o pan, o queixo, o marmelo, os bacallaos rebozados… sabían alí doutra maneira. Ben, tamén vén á miña memoria os desgustos por non me poder quedar cun gato que atopara nun camiño…

Outro dos meus grandes desexos foi ter unhas botas de goma para poder meterme nas pozas. Odiaba os zocos, facían tanto ruído que tiña a sensación de portar un transmisor que avisaba a cotío da miña situación.

—Séntate, Finita —dicía a mestra, sen necesidade de levantar a cabeza.

As frieiras das mans refregando un pano enxaboado no lavadoiro non eran cousa divertida, pero as conversas “politicamente incorrectas” das lavandeiras de oficio si que pagaban a pena. Estarricaban no aire certas pezas de roupa e dicían non sei se por vinganza ou para despistar ás frieiras.

—¿Vedes? Estas son as bragas da miña señorita.

E todo o mundo ría. Ás veces caíame o xabón no pío, que chamabamos río, río de lavar. Subía a manga ata o ombreiro e metía a man naqueles lodos. Algunha vez no canto de atopar o meu taco de xabón, conseguía un máis grande. Iso poñíame contenta, como se descubrise un tesouro.
Da escola, o máis fermoso que recordo é aquela caixa de botelliñas con tintas de cores. Eran das inxeccións. Lavabámolas, comprabamos unha especie de pos máxicos que se mesturaban con auga, dentro xa das botellas ¡e listo!, obtiñamos marabillosas tintas de moitísimas cores. Poñiámolas, ademais, de pé nunha caixiña plana coa tapa chea de buracos. Forrabámola con papel bonito como de regalo. Cada botella levaba un babeiro de deseño propio. Con aqueles luxos, todas (só nenas) estabamos desexando ir para a escola de arriba, que era onde nos volviamos alquimistas das cores.

Cando rematei o bacharelato, meus pais, economicamente humildes, deixáronme decidir sobre o meu futuro: ¿queres coser ou facer maxisterio? Decanteime por isto último e aquí sigo (agora nun I.E.S.). O día que cheguei á miña primeira escola (con dezanove anos) chorei, e o día que me tiven que despedir dela, chorei aínda máis.

Gustaríame saber moito máis do que sei; pero, ás veces, deléitome deitada na herba mirando ó ceo. Gustaríame ter feito cousas que non puiden, viaxar máis… Desexaría seguir sempre unida ós meus por unha cola elástica…

A primeira vez que saín da miña terra tiven a sensación de que o mundo se ía encollendo ó meu paso, e hoxe non entendo como sendo tan pequeno podemos estar tan afastados uns dos outros.
Na miña infancia, unha das nosas obrigacións era carrexar auga a caldeiros dende a fonte de Tres canos que alimentaba o lavadoiro, no fondo do barrio. Cando deixaba este labor para a noitiña, vía vellas malvadas nas silveiras do camiño que levaba á fonte do Gramal. Teño sentido (e aínda os sinto) como corrían os trasgos polo tellado da miña casa… Desgusteime cando o gato do veciño foi atropelado.

Coidaba que tiña que escoller entre casar ou facerme monxa, e resolvín que tería que meterme a monxa, anque tampouco me facía moita gracia; hoxe estou casada e teño un fillo e unha filla que, pola súa idade, case son amigos.

Encántame recitar poemas, aínda que non os escribise eu, gústame ler e descubrín que escribir permíteme ter e facer bastantes cousas ¡incluso tocar o piano anque non saiba! Tamén me gustan as nenas e os nenos (vivos, non frixidos), comer, bailar, falar cos amigos, rir… Amar e sentirme querida segue sendo moi importante para min, anque me ocupe tempo.

Ás veces, apetéceme mesturar as miñas propias vivencias cos soños, coa imaxinación, coa fantasía… e crear historias na miña mente, que só despois de darlles moitas voltas paso ó papel.


Tamén teño saboreado a investigación aprendendo cousas sobre a cultura da miña terra, das miñas xentes, que logo procurei compartir. Así naceron varios libros relacionados coa gastronomía escritos sempre en colaboración con Mariano García (o meu compañeiro de sempre); ou traballos sobre os cabazos, a climatoloxía e astroloxía popular, os xogos, a medicina popular… cos que, e gracias á colaboración dos meus alumnos e alumnas, acadamos algúns premios.

Outra das miñas afeccións é o teatro, poder meterme na pel de diferentes personaxes… Para a escola teño escrito, dirixido ou mesmo representado algunha peciña. Iso faime gozar extraordinariamente.


Estou intentando aprender dende hai máis de dos anos, e gracias a dous xornais galegos, a facer artigos xornalísticos tódolos sábados… E, de cando en vez, nalgún outro medio. Como pode observarse precisaría dese verniz co que só unha avoa sabe pintar as insignificancias para dar cores de importancia á miña biografía.

E se é certa a afirmación de que nos marcan as nosas circunstancias, que estamos feitos do que lembramos, intúo que esas cousas tan cativas inflúen no meu xeito de escribir.
Scroll to top