Ingredientes
1/2 quilo de fariña triga, 40 gramos de levadura, vaso e medio de auga e sal.
Preparación
Nunha pouca de auga morna cunhas areas de sal desfaise a levadura que se engade á fariña, que debe formar un montón nun sitio firme, cun oco no medio para bota-los outros ingredientes. Cunha culler ou coas propias mans reméxese ata que vaia desaparecendo o líquido. No caso de quedar demasiado dura, engádeselle máis auga morna. Xa coas mans, séguese a traballa-la masa. Logo, convertida nun bolo, salfírese de fariña, fáiselle unha cruz co canto da man (¿por que non?, xa que nos axuda a coñece-lo momento ideal de lévedo) e déixase levedar tres cuartos de hora, tapada cun pano e preto da calor, se pode ser. Cando desaparece a cruz, ou se ó calcar cun dedo a masa sobe, vólvese amasar, cun vasiño de aceite e sen parar ata que non pegue. |
© Mariano García – Fina Casalderrey, 1993