Un saco de estrelas  
     
 
Incluído en: Un saquiño de contos
Edicións Xerais, Vigo, 2001
Merlín - Nº 100
ISBN: 84-8302-610-4
Nº de páxinas: 128
Formato: 13'5 x 19
2ª edición
 
     

Sinopse  
     
 

Celebrando a chegada ó número cen da Colección Merlín, Xoán Babarro González, Fina Casalderrey, Antonio García Teijeiro e Gloria Sánchez escribiron uns contos especialmente fermosos, que Xan López Domínguez se encargou de ilustrar.

O resultado e este Un saquiño de contos, un saquiño que garda no seu interior catro contos magníficos, deses que nos fan rir e que nos emocionan, porque están escritos co corazón.

 
     

Anaco da obra  
     
 

Chegou a primavera coas súas tormentas rápidas e axiña vestiu as árbores froiteiras con flores brancas e rosadas. Tamén apareceu no lugar unha muller maior. Ninguén a coñecía, pero moitos nenos e moitas nenas deron en meterse con ela.

- Vella louca, ¿que levas nese saco branco?

- ¡Tola!, ¿por que pintas o pelo en tiras de cores?

- ¿É certo que roubas nenos?

- ¡Xarbota!, ¿como é que andas sempre descalza?

- ¡Vella! ¡Vella! ¡Vella!

Os insultos pasaban de boca en boca con voces aguzadas que picaban máis cás espiñas dunha roseira. Evitaban mirala de fronte porque tiñan medo de que, coma o sol, os mancase nos ollos. As preguntas que lle facían parecíanse máis a pedradas que a verdadeiros desexos de conversar.

- ¿Como é que pintas as uñas de tantas cores se xa es vella?

- ¡Bruxa! ¡Es unha bruxa! ¿Por que non se oen as túas pisadas ó camiñar?

Estrañáballes que os seus pés descalzos non fixesen nigún ruído ó pisar os papeis que aparecían ciscados polo rueiro.

- ¡Non toca o chan! -exclamou Alba asustada.

Co seu vestido estampado, toda ela semellaba unha bóla de cristal.

- Ben seguro que vive na cova que o mar fixo no acantilado -dixo un neno.

- ¿E que come? ¿Peixes crus? ¿Nenos? -preguntou outro.

Cada atardecida do mes de maio, antes de que o sol comezase a prepara-la súa cama laranxa no leito das montañas, aquela muller pasaba entre as burlas dos nenos e das nenas cara ás leiras de Sobredorrío.

(...)