| Unha raíña negra | ||||||||||
|
||||||||||
| Traduccións | ||
| Castelán: Una reina negra (Edebé, Barcelona, 1998) | ||
| Sinopse | ||
| ¿Danche medo
as formigas? ¿Non? ¿E noxo? ¿Tampouco? ¡Que guai!
Creo que poderemos ser moi bos amigos. ¿Queres?
A min as formigas gústanme moitísimo. Son quen de estar horas mirando cómo se moven e non me canso nada. No meu cuarto había tantas que parecían un río negro con auga negra que corría cara a debaixo da miña liteira. |
||
| Anaco da obra | ||
|
(...)
Hai irmáns que só se poden ter dous meses. Víctor Trigo ten un deses. Chámase Aba. É moi simpático. Dixo Víctor Trigo que seu irmán chegou descalzo e traía unha camiseta toda rachada, coma se tivese unha pelexa, e cando lle quitaron o pantalón para lle poñer outro, non tiña calzón. Estaba moi delgado por todo menos pola barriga, que a tiña inchada, coma se trouxese alí outro irmán ou coma se fose unha mamá canguro, que as hai. Seu pai de España, que é seu pai de España, levouno ó médico e agora engorda e medra tódolos días. Aba naceu nun país moi grande e fala o tarzanés. Por exemplo "eu sallara" quere dicir "dáme ese coche tan bonito, que ti tes moitos e eu non teño ningún". Ó principio de vivir na súa casa facía cousas moi divertidas. Se sentía tirar da cisterna do váter, ía correndo a mete-las mans no retrete para agarra-la auga. Berraba asustadísimo. -¡Escapa, escapa! Chiaba por todo coma os bebés, e iso que ten dez anos. Cando o levaron á festa e botaron os foguetes, tirouse axiña ó chan tapando a cabeza cos brazos. -¡Medo! ¡Medo! ¡Matar! Ós coches da estrada non lles tiña medo. Aínda que os vise vir non apartaba. Había que ir por el. Agora xa escapa deles. Sabe que atropelan. Eu vin a Aba. Ten o pelo moi rizo, moi escuro. Está moi moreno moi moreno. Parece unha formiga negra xigante con anacos de pera branca nos ollos. Un día os pais de Víctor Trigo e de Aba invitáronme a comer para que o saudase. Cando nos puxeron o prato na mesa da sala, Aba non quería comer, e iso que eran espaguetes con salsa de tomate e carne. -Xantade vós para que vos vexa- dixo a mamá. Ó mellor se non comiamos, non nos vía. Empezamos a xantar e Aba mirábanos. Abría moito os ollos, que teñen no medio lagoas negras de formigas, e ría. ¡Ten moitísimos dentes! Púxose a comer e manchouse todo. Só sabía comer arroz e fariña. Como nós acabamos de comer antes ca Aba, púxose a mirar para os nosos pratos e para o seu. Parecía papá cando vai ver un partido de tenis. De súpeto, botounos un pouco a cada un e outro pouco a el, e tivemos que comelo para que non se enfadase, e iso que estaba todo enzoufado. Se mirabas para o prato daba noxo, pero se mirabas para os ollos de Aba, xa che pasaba. Dixo Víctor Trigo que Aba non pode comer costeletas de porco. Un día puxéronllas e non comeu. Só gritaba moi serio e enfadado: -¡Jalufo non! ¡Jalufo non! Contouno na clase e don Roberto dixo que para a cultura de Aba o porco é tan porco tan porco que non o pode comer porque é pecado. A cultura deben se-los pensamentos de Aba. Na India, que é un país que non está no meu mapa da parede, non se comen as vacas. Son sagradas coma Deus. Eu para face-la Primeira Comuñón teño que comer a Deus, que se chama Corpo de Xesús Cristo, e non pasa nada porque só é un anaco. Se fose enteiro non me cabería na boca. (...) © Fina Casalderrey, 1998 |
||