O misterio dos fillos de Lúa  
     
 
Premio O Barco de Vapor 1994
Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 1996
Ediciones SM, Madrid, 1995
O Barco de Vapor - Serie Laranxa - Nº21
ISBN: 84-348-4674-8
Nº de páxinas: 124
Formato: 12 x 19
18ª edición: Xuño 2008
 
     

Traducións  
     
  Catalán: El misteri dels fills de la Lluna (Editorial Cruïlla, Barcelona, 1997)
Castelán: El misterio de los hijos de Lúa (Ediciones SM, Madrid, 1997)
 
     

Sinopse  
     
  David -un neno de oito anos- xunto coa súa noiva Branca -de nove anos- tratan de descubrir a razón de que os fillos da súa gata Lúa (que parirá na súa presencia) desaparezan cada vez que ten unha camada. A súa bisavoa, como xa é moi maior, dille que o seu pai enterrounos na veiga. Pero existen outros sospeitosos, como o señor Indalecio... Terán que poñer trampas e estar atentos ás pegadas do posible ladrón de gatos; pero o ladrón non é quen David e Branca imaxinaban. Este misterio, unido á preocupación por xuntar pecados para a Primera Comuñón ou por saber por onde entraron os gatos na barriga antes de nacer, son algúns dos enigmas que o protagonista logra resolver ó final dunha trama detectivesca cargada de inxenuidade e tenrura.  
     

Entrevista á autora (Xaneiro 1997)  
     
 

¿Como naceu esta historia?

¡Ai, se soubese tódalas respostas! A min pásame que moitas veces presentando un libro sorpréndome a min mesma xustificando actitudes de personaxes nas que eu nin reparara cando o escribía. Outras veces atópome buscando as razóns que me impulsaron a escribir unha determinada historia cando esta xa se afasta de min e roda de por si con vida independente da miña, coa lonxevidade que lle queiran dar os lectores.

O misterio dos fillos de Lúa... Imos ver, eu teño unha gata, unha gata que atopamos abandoada de pequeniña. Non é unha gata da aristocracia (siamesa, persa...), é dunha raza moi común. Pois ben, anque a miña infancia desenrolouse nun ambiente rural, rodeada de animais (no bo sentido), nunca vira nacer gatiños. As gatas que teñen un anaco de veiga para pasear, é dicir, as gatas que non son de piso, acostuman a parir ós seus fillos nun lugar oculto. A miña gata non. Lúa fixo o amor diante dos nosos ollos e reclamou a nosa presencia cando tivo os bebés. ¡E ten finca con escondedoiros!

A primeira vez que paríu (logo a todo se acostuma unha) a min conmoveume sinceramente a súa actitude tan confiada con tódolos da familia. Pareceume precioso observar con que coidado, a pesar da dor, trataba ós seus recéns. De inmediato, como esas bombillas que se encenden nos cómics, apeteceume, con moitas ganas, recoller iso que eu sentía nunha historia. Sempre trato de guiarme por "arroutadas" para facer brotar as miñas historias. Parto a cotío da idea de que non se pode convencer do que non estás convencida, ou o que é o mesmo, non se pode emocionar a ninguén se ti non estás emocionada. Antóllaseme que a veces lemos historias coas que se supón teríamos que rírnos e non nos entra a risa, ou historias tráxicas que deberían poñernos a pel de galina e a nosa pel permanece impasible. Creo que a clave está en ser honrados, en escribir sobre o que se sabe, sen finxir o que non sintes. Has de sentilo todo, incluso cando te metes no mundo da fantasía.

¿Como consegue meterse na pel dun neno desa maneira tan auténtica?

Encántame escribir en primeira persoa: ser un neno, unha nena, unha xove, unha anciá, un can... e saír do personaxe para actuar como narradora só nos momentos nos que a historia, segundo a miña intuición (máis que criterio), necesita de aclaracións que só poden chegar dende fóra.

Recordo (tampouco necesito tanto esforzo para recordar, posto que empecei a publicar no 91), recordo que de Dúas bágoas por Máquina, que fora premio Merlín, un crítico (quen por certo dixo cousas moi fermosas do libro) escribiu algo así como "intelixente técnica literaria de montaxe". Eu non montara nada. Eu escribía "linealmente", e a miña mente era a que ía dando saltos atrás no tempo cando a historia así o requería. E non crean que escribía todo seguido por dominio da técnica, senón dende a miña ignorancia teórica e dende a miña autenticidade de crerme dentro dos personaxes.

En O misterio dos fillos de Lúa quixen transformarme (creo que debemos de ser un pouco actores ou actrices e crernos o noso papel para representalo mellor) nun neno de oito años que fala dende a súa lóxica oposta, en ocasións, á do adulto. Refuxiándome nel, evito o didactismo ou a moralina forzados, pero tamén evito todo o contrario, que non deixa de ser o defecto oposto. ¡Ui!, aquí di: "Fulanito decide perdoar a menganito", ¡falta!, detectei moralina. ¡Nin tan acá nin tan alá! ¿Non? Tampouco debemos preocuparnos tanto con que se aprenden algo de paso é unha pena.

¿Trata, dende o Premio Nacional, mellor á súa gata?

¡Quen me ía dicir a min que a miña gata Lúa, me daría tantas satisfaccións cando a collemos na nosa casa! De feito, dende o día 4 de novembro, data na que se fixo público o do fallo do xurado do Premio Nacional, Lúa come á carta, outras veces doulle cartos e que merque o que lle apeteza. Vaia, a segunda parte é un pouco broma, Lúa xa comía ben antes disto. Non cambiou os seus hábitos.

¿Por que é tamén unha historia para adultos?

É que eu creo que (se este fose o caso) tódolos bos libros que poden ler os nenos, pódenos ler os adultos, sen indixestarse ou herniarse. Dóeme moito que se menosprecie a LIX considerándoa un xénero menor, unha literatura de segunda, pouco profunda, ñoña, pueril... ¡Vaia! Eu non digo que non exista algo diso pero.... ¿e na "outra literatura"? ¿Non hai de todo? Creo que existen preciosas historias, coa profundidade suficiente como para facer reír, humedecer os ollos ou sentir frío ó máis remiso dos sabios adultos. Claro que non podemos darlle a volta, as de adultos, non sempre poden ser disfrutadas polos nenos debido a razóns obvias de vocabulario, lonxitude, experiencias vividas... Que existan algunhas malas (de estadísticas non entendo porque eso de media, mediana e moda dino hai demasiados anos no bacharelato), penso que non é negativo. Está ben que teñamos un surtido bazar no que poidamos atopar de todo. Non todos temos o mismo universo estético. Para adquirir o concepto de frío, necesitamos o de quente, pois para o de bo será o mesmo ¿non?

¿Que a quen vai dirixido o libro? Eu cando o escribín non o dirixín a ninguén, logo ó lelo pareceume que o poderían disfrutar dende a idade para a que ven recomendado (a partir dos nove anos) e creo que igual que O estanque dos parrulos pobres o disfrutarán máis cantos máis anos teñan, será daquela cando a "lóxica" dos protagonistas, convertiráselles (espero) en tenrura, en humor, en ironía...

¿Costoulle moito escribir esta historia?

A min o que máis me costa é atopar unha historia que me encha tanto como para manterme ilusionadísima, sen quitarma da cabeza durante moitos días e moitas noites, ata que a teño clara e dispoño das horas "xuntas" para poder levala ó papel sen demasiadas interrupcións. Para min, o momento de escribir o que a miña cabeza xa tiña dentro, anque nunca estea claro de todo, é o instante máxico no que son capaz de estar fisicamente soa moitas horas e sentirme acompañadísima, ou vivindo emocións intensas, sen deseos de ser interrumpida. Recoñezo incluso que son, ás veces, egoísta, e é que, a pesar de querer á miña xente e de necesitala indiscutiblemente, como sei que están aí apoiándome sempre, cando escribo trasládome, olvídome do meu eu real... Claro que ‚sei que é un luxo que, confeso, me podo permitir porque teño unha familia extraordinaria que me axuda moitísimo, liberándome de outras tensións, para deixar cabida ás que produce o propio acto de escribir.

Que conste que os mellores textos escribíronse non en períodos de paz interior, senon dende turbulencias mentales (eu tamén escribín algún nese estado).

Unha interrupción. Unha anécdota.

Pois..., pois que, como a todo o mundo, gústame estar soa e coa porta pechada (a ventá non) cando escribo. Un dos días en que estaba escribindo este libro, os meus pais (que non tiveron a oportunidade de criarse entre libros e a súa destreza lectora non é de envexa, entraron no cuarto e en silencio estiveron un intre, ás miñas costas, lendo o que eu ía escribindo e a min pareceume fermoso porque o facían con certa dificultade (movendo os beizos...) que aumentaba o feito de que eu estivese escribindo á man.

Pareceume que disfrutaban enormemente. Claro que así, ¡non hai quen poida escribir!, e parei; entón díxome meu pai: "¡Que imaxinación tes! E eu deixeime querer, sen explicarlle que non me fixo falta tanta, que aproveitara todo o que sabía da miña gata Lúa. Gústame que meus pais se crean que teñen unha filla "importante" porque sei que iso fainos felices.

Noutra ocasión meu pai estaba internado nun hospital, eu estaba con el e como houbo momentos de certo tedio, para ter disculpa de leer un pouco díxenlle: Papá, vouche ler algo en voz alta, para entretenerte. Á segunda páxina dime: Deixa, non te preocupes, non leas máis, a mín só me gustan os teus. E anque é evidente que non se debe a que eu sexa mellor senón á súa falta de hábito lector por un lado e ó amor a min mesma por outro, a min aquelo gustoume. ¡Imaxínate que o que escribes non lle gusta nin ós teus pais! Iso debe ser terrible.

¿Ser mestra axudoulle a compoñer esta historia?

Ás veces pregúntanme se a profesión de maestra me axuda a escribir para nenos. Supoño que si, que me axuda tanto como calquiera outra circunstancia da miña vida. Do que estou segura é de que non fai falla ser mestra para escribir para nenos e nenas.

¿Que sentíu con este novo premio?

Esto do Premio Nacional produciume ou estame producindo sensacións moi diversas, incluso contradictorias. Moléstame que me lembren "a responsabilidade que conleva", ¡como se eu non o soubese! ¿Significa iso que non era responsable ata agora? terei, digo eu, que continuar igual, é dicir, intentando seguir aprendendo para facelo cada vez mellor, o que non podo é botarme máis losas enriba para escribir máis "agarrotada".

¡Se non saberei eu que as miñas opinións teñen agora máis "valor"! Iso atérrame porque eu sigo sendo a misma que antes do día 4 e non quixera que as sobrevaloren. Anque admito que vou evolucionando, non o fago tan a présa. O que no estou disposta (polo menos neste momento, por se as moscas) é a crear unha imaxe falsa de min mesma, de "sabia excéntrica e despistada", á que teña que seguir escrava o resto dos meus días cando me mostre en público, e iso que, creo, sería de gran utilidade para "marketing promocional". Aparecer a partir de agora acompañada dunha gata e con un sombreiro napoleónico para impresionar máis. Supoño que iso faría que enseguida recoñecesen a miña "figura" pola rúa, pero... ¡pobre gata!, e ademáis, anque me gustan os sombreiros, ter que llevalos de por vida sería moi incómodo ¿non?

Que conste que se profundizo xa empezo coas miñas dúbidas de sempre. ¿E se ese verniz de excentricidad obedecese a un intento de preservar na intimidade a verdadeira identidade? ¿E se se tratase dun lícito mecanismo de espantacazaintimidades?

Sen bromas, anque non sei se o de antes é broma; case mellor, sen hipérboles, entre as sensacións pracenteiras que percibín co Premio, tiven (e teño) outras que raian co "pánico", o intenso medo a defraudar. Logo cando estou máis optimista, dígome: ben, ¿a min gústame o que fago? ¿Si? Pois seguramente haberá outras almas xemelgas con quen compartilo porque tamén lles gustará, ¿ou non?

A min pásame algo que non sei se lle ocorre ós demais autores. Logo de escribir unha historia e despois de os, digamos, desplegues de sinónimos e correccións de estilo, cando teño que ler as probas xa para a edición, non son capaz de abstraerme o suficiente como para ver certo tipo de erros tipográficos, é decir, antes de estar publicada, en sucesivas lecturas disfrútoa ata a saciedade. O certo é que exerzo de mestra dende os 19 anos, que para min escribir, e máis sabendo que me len, convertíuse nun pracer sublime, ¡e non hai máis cera que a que arde!

¿Para que servíu este premio? Pois... entre outras cousas para ter un pouquiño máis de seguridade nas miñas propias dudas.

Exprese un soño

Gustaríame que O misterio dos fillos de Lúa tivese moitos lectores (e lectoras, xa sei), que lles gustase moito e que anque non recorden (porque a memoria é unha goma de borrar) o nombre da autora, que si, permaneza un doce recordo dunha historia dun neno e unha gata que un día lles fixo disfrutar enormemente. ¿Que máis podo pedir? ¡Ah, xa sei! Que, por favor, non permita o "lectorado" que os outros libros sintan celos, eu escribinos co mesmo amor, dende a emoción e o mellor que souben.

 
     

Anaco da obra  
     
 
(...)

Por terceira vez a miña gata... ¡Vaia!, tamén é de Branca. Xuramos entre dúas pedras que era dos dous. Así Branca axúdame a descubri-lo misterio.

Por terceira vez, a nosa gata está preñada, que quere dicir que vai ter gatiños. Eu seino, non só porque o digan meus pais, seino porque ten a barriga moi gorda, moi gorda. Case lle chega ó chan, e salta moi pouco. Antes xogaba moito, e agora pasa a maior parte do día deitada igual cá avoa; pero a avoa non vai ter gatiños.

Estes días non quere que a acariñen nin nada. Se lle toco na barriga, foxe. Antes de te-los gatiños dentro, non era así. Podíalle facer cantas cóxegas quixese, ¡ata pola barriga! Ás veces quedaba a durmir así, e roncaba. Roncaba igual ca papá cando se deita no tresillo do salón despois de comer. Papá ponse coa panza para riba e Lúa escóndea debaixo. Ten medo a quedar durmida e que lle desaparezan os gatiños que ten dentro. ¡E non me estraña!

As outras dúas veces que pariu Lúa, pasou unha cousa moi rara. O primeiro día tiña alí os gatiños. Estaban na eira, enriba dunha cadeira vella que había arrimada a unha parede do cuberto. Eran tan pequeniños que parecían pelotas de tenis, pero non eran. As pelotas son máis redondas e menos peludas, e ademais non respiran.

Coñezo ben as pelotas de tenis porque ás veces vou xogar con papá e con Xocas, que é meu irmán. Xogar ó tenis, por exemplo, é bota-la pelota para o outro lado cunha cousa que lle chaman raqueta de tenis. No medio hai unha rede que non é de pescar. E dende o outro lado, outro xogador ten que face-lo mesmo. Poden xogar tres porque eu tamén xogo con eles moitas veces. A min tócame recolle-las pelotas que lles caen a Xocas e a papá, e darllas cando mas piden. É un traballo moi importante. Teño que estar atento e correr moito. Por iso papá di que eu fago o máis difícil. Ás veces déixanme tirar a min, pero a raqueta pesa moito e cánsome.

Xa sei por onde saen os gatiños porque mo explicou mamá. Díxome que saen por un buratiño que teñen por onda o rabo. O que aínda non descubrín, é por onde entran.

Mamá di que aparecen na barriga cando a gata se xunta cun gato que lle gusta. Se se arriman moito, se se fan noivos e se queren moitísimo, pode pasar iso. Díxome que tamén pasa coas persoas, pero é mentira. Eu quero moito a Branca, e ata lle dei un bico onde hai que dalos para ser noivos, na boca, e Branca non vai ter gatiños nin nada.

Creo que hai que face-lo amor, que é durmir xuntos coma nas películas. Coma mamá e papá non vale, eles son da familia; e ademais non poden estar namorados porque están casados. Non son noivos.

(...)