Festas gastronómicas de Galicia  
     
 
Coautor: Mariano García
Edicións Xerais, Vigo, 1994
Montes e Fontes - Gastronomía
ISBN: 84-7507-818-4
Nº de páxinas: 478
Formato: 13 x 20
2ª edición: 1995
 
     

Sinopse  
     
 

As nosas pretensións ó elaborar este libro non van máis alá de sermos útiles mostrando os eventos populares e festivos que Galicia ofrece a quen desexe mergullarse nos costumes e celebracións relacionados directamente coa Gastronomía. Dar conta, polo tanto, dunha parte da nosa cultura.

A estructura básica do libro presenta un primeiro apartado no que damos ás festas un tratamento global, cunhas reflexións sobre os posibles móbiles que fixeron agromar en Galicia este tipo de eventos, así como un pequeno estudio comparativo no que tentamos extrae-las diferenciacións máis xeneralizables e a singularidade dalgunhas delas.

Nunha segunda parte, que vén sendo o corpo do libro, aparecen as diferentes festas nas que o motivo central é a comida, ordenadas cronoloxicamente dentro de cada mes do ano.

Quixeramos deixar claro, con respecto a esta orde cronolóxica, que se nos fai totalmente imposible dar unha precisión exacta nas datas dalgunhas delas posto que veñen variando cada ano e os organizadores aínda non teñen claro o seu encadramento definitivo, nun intento de busca-la máxima concorrencia e consolidación (motivo polo que engadimos, neses casos, a aclaración de variable).

Este tratamento individualizado que recibe aquí cada festa, inclúe uns mínimos rasgos de identidade que definan a contorna onde ten lugar o evento, as razóns particulares que motivaron a súa creación así como os promotores da mesma, e o desenvolvemento actual que permita ó lector saber con que se vai atopar, no caso de que tome a decisión de se achegar no día sinalado a unha festa concreta. Complementan este apartado un tratamento individual do producto exaltado e unhas telegráficas notas de interese turístico-culturais que poden servir para aproveitar ó completo a estadía nun lugar determinado.

Asemade figura en cada festa un sinxelo croquis orientativo que axuda á pronta localización do lugar escollido.

Quizais o máis complicado e, en certa medida, flexible (posto que a popularidade dunha festa pode variar dun ano a outro) sexa o número de foguetes con que marcamos cada unha das celebracións, que oscilan entre unha e catro. É evidente que unhas festas gozan de máis popularidade ca outras; unhas son de carácter local ou comarcal, outras estenden a súa influencia a toda a provincia, outras poden considerarse de ámbito rexional e incluso nacional; sendo algunhas destas declaradas de Interese Turístico Nacional. Pero non foi este o único criterio que nos moveu a encadralas nunha determinada categoría: a forte consolidación dalgunhas que levan anos celebrándose ininterrompidamente, fronte a outras que tiveron períodos de inactividade e foron retomadas máis tarde; a antigüidade doutras fronte a festas que acaban de nacer, nas que aínda está por demostrar a súa consolidación; a imprecisión das datas que nalgunhas varían cada ano, buscando unha maior concorrencia; o ser independentes no seu desenvolvemento ou nacer ó amparo doutros eventos como adoitan se-las festas patronais... Todo isto influíu nesta clasificación subxectiva que en ningún caso pretende dar maior importancia a unhas cá outras, posto que iría, ademais, en contra da nosa opinión particular, xa que existen pequenas festas realmente entrañables e dignas de ser vividas o mesmo que grandes concentracións que poden resultar un tanto incómodas e abafantes para determinados visitantes. Todo depende dos intereses que busque cadaquén.

Nalgunha delas aparecen datos numéricos referidos ós asistentes, ó presuposto, ó prezo do menú..., que non teñen outra finalidade máis ca servir como referencia orientativa, posto que cada ano poden ser diferentes.

Nunha terceira parte, recollemos algunhas das receitas de productos que se poden degustar no Día Grande, elaboradas nos mesmos recintos festivos ou, cando menos, de productos que se poñen á venda nese día. Todas extraídas dos propios organizadores e cociñeiros, e nalgúns casos tomadas textualmente.

Ofrecemos tamén un completo índice no que se pode consultar con rapidez o nome dunha determinada festa, unha data, un lugar de celebración e incluso o ano do seu comezo, ó que se suma o imprescindible índice alfabético das distintas celebracións.

Foi este o resultado dun traballo de campo duro e, dalgún xeito, efímero, aínda que gratificante. Duro porque se fixo necesaria a nosa presencia en cada unha das celebracións para poder dar testemuña real e persoal do que acontecía. Efímero porque, dado o auxe que están tomando este tipo de actos nos últimos anos, é moi probable que no momento da publicación estean agromando novas posibilidades e enterrándose provisional ou definitivamente outras, polo que como todo traballo que entraña certa investigación, permanecerá inconcluso e aberto a ser completado con novos datos. Gratificante, polo incalculable coñecemento que nos aportou sobre as nosas xentes, os nosos pobos, a nosa Terra, en definitiva, a nosa idiosincrasia.

Por último, queremos deixar aquí constancia da nosa gratitude a todas aquelas persoas das distintas organizacións (Asociacións, Comisións, Confrarías, Concellos...) que xenerosamente nos facilitaron libros, folletos, datos de todo tipo e, sobre todo, o seu testemuño directo que xunto coa nosa visión persoal e unha mínima bibliografía fixeron posible a creación deste libro, que agardamos lles sexa útil e lles sirva para coñecer mellor Galicia e un pobo capaz de se divertir. De conseguilo haberán de sucumbir e amala por forza.

 
     

Algunhas festas