Festa do polbo  
     
 
 
     

Rasgos de identidade  
     
 

CARBALLIÑO, OURENSE
SEGUNDO DOMINGO DE AGOSTO

O concello do Carballiño, pertencente á comarca do mesmo nome, sitúase no val do río Arenteiro, nun enclave céntrico de Galicia, sendo cruce de vías de comunicación de gran importancia e unindo as zonas máis altas co Ribeiro.

O nome de Carballiño comeza a usarse no primeiro cuarto do século XIX, xusto cando se crea o Concello, no 1812, sendo antes unha péquena entidade de poboación nacida da feira que tiña lugar onde hoxe está asentada a Vila.

Estación de recreo de media montaña, destaca sobre todo polas súas caldas e os inumerables parques de extraordinaria beleza. Á paisaxe comarcal chegan os somontes da Madalena e A Martiña, limitada polo cordal do Suído e o monte San Mamede.

 
     

Orixe e desenvolvemento  
     
 
A orixe da festa hai que ligala coa antiquísima tradición pulpeira da bisbarra do Carballiño, chamada antano, Orcellón. É a culminación daquela idea que xurdiu de Ramón Valeiras O Labrador, xa falecido, xunto con Felipe, o deseñador dos carteis, e varios concelleiros, sendo alcalde Javier Perea.

Alá polo ano 1963, coincidindo co centenario da publicación de Cantares Gallegos, o Carballiño comezou un canto de loanza á gastronomía galega, que permanece fondamente arraigada na tradición do pobo, conseguindo dende o 1992 o Irmanamento coa Coperativa Ribeiro como complemento perfecto ó poder degusta-los seus exquisitos viños e augardentes.

Os documentos máis antigos que relacionan esta comarca ourensá coa tradición polbeira atópanse nos arquivos históricos do servicio de documentación da biblioteca municipal de Marín. Citan a dependencia destas terras mariñeiras do mosteiro cistercense de Oseira (do cal foron coto durante séculos) no concello de Cea, situado preto do Carballiño (20 km.) e pertencendo ó partido xudicial do mesmo nome. Estes documentos revelan como chegou o polbo ó Carballiño e máis concretamente á parroquia de Arcos. No século XVII os dereitos de foro polo uso das terras de labranza dos marinenses compensábanos en especies (cordeiros e productos mariños), destacando o polbo. Este, xunto co resto das especies, entregábanllos ós frades de Oseira o día de San Miguel, festividade de Marín. Pola gran cantidade de polbo acumulado, pode tomarse a referencia de que os frades comezaran a comercialización do polbo nas terras do Orcellón, figurando o nome de Santa María de Arcos, o cal indica que os veciños desta localidade iniciaran a súa tradición polbeira co ensino gastronómico, posiblemente, dos frades. De feito, na actualidade, practicamente a totalidade das familias de Arcos dedícanse a este oficio, que "vén de familia, de moi antergo, sempre percorrendo as feiras ás que podemos chegar". A súa sona está tan estendida que son contratados para aplica-la súa arte en todo tipo de celebracións.

O Parque Municipal, creado no ano 1924, con 32 hectáreas dedicadas a espallamento, perfectamente distribuído en rúas e avenidas que camiñan a carón do Arenteiro, é o escenario ideal no que se celebra a tan sonada Festa. O segundo domingo de agosto ese lugar calmo, coidado, paradisíaco e pleno de árbores de diferentes especies (carballos, camelios, tileiros, bidueiros, cedros, eucaliptos, piñeiros...) convértese nun balbordo de luz, de cor, de recendo a empanadas, a carne ó caldeiro..., pero sobre todo, de recendo a polbo; que preparado nas caldeiras de cobre polas espertas polbeiras e polbeiros de Arcos, da vila do polbo, resulta un reclamo máxico capaz de atraer milleiros de persoas de tódalas idades e condición (60.000 nos anos 92 e 93).

Da impresionante magnitude que foi tomando o evento poden ser referencia os numerosos Centros Galegos (Alemania, Suíza...) que participan, ou os 30.000 kg. de polbo, os 7.000 kg. de empanada, os 20.000 kg. de carne, ou tamén, os 18.000 kg. de pan de Cea, os 50.000 litros de viño, os 6.000 kg. de froitas, que no recinto se consumiron no ano 93, ós que lles habería que engadi-la comida que, da casa, levan moitas das familias que queren participar de cheo na festa gastronómica, sen facer gasto extra. De tódolos xeitos, os prezos, ademais de populares e serios, como diría o organizador principal da festa, Argimiro Marnotes, están acordados entre os vendedores e o concello, permanecendo unificados e expostos por todo o recinto festivo para que ninguén pretenda face-lo su agosto particular. Anque, como ben dicía Elisa Justo García, polbeira de Arcos: "nós non estamos aquí a facer cartos, senón a axudar a que a festa medre".

E, de certo, a festa aumenta ano a ano; ducias de postos de bares, medio cento de polbeiras e polbeiros con máis dunha caldeira (ademais das que se instalan na vila), centos de postos de roupa, xoguetes, cerámicas, zapatos, zapatillas, tómbolas da sorte (do sempre toca), sombreiros..., os rachóns de carballo correctamente apilados, mestúranse coas cores ledas do verán, cos sons das grileiras, coa música bacallao que sae dalgún dos postos, coas cámaras de vídeo en acción, as fotografías, os namorados collidos da man, os nenos cansos observan todo dende o privilexiado carranchapernas do xove e fachendoso avó, mentres outros adormecen no colo das nais. Sobre o ledo rebumbio destacan os parasoles que se gradúan polas rúas do Parque, indicando coas súas cores que baixo a súa sombra se acobilla unha ou un dos polbeiros de Arcos. Alí pódese contemplar durante longos minutos, a destreza e a arte que mostran cortando o polbo, medindo ó milímetro a distancia entre a tesoira e os dedos índice e polgar. De aí a merecida homenaxe que O Carballiño fixo no 93 ós pulpeiros de Arcos de máis idade que se identificaron co oficio: Carmen Bravo, a Crega, e Elixio Pereira, o Velada, que con 93 e 77 anos, aínda seguen a facer callo nas festas.

Turistas e veciños gozan do singular espectáculo ante as atentas miradas dos organizadores que atarefados non permiten que nada quede fóra de control, con oficina de reclamacións incluída. E é que unha festa de semellantes dimensións esixe un esforzo proporcional, así pois un elevado número de persoas encárganse da vixilancia e seguridade de tódolos presentes: brigada municipal, membros da Cruz Vermella, policía local, protección civil, ademais doutras persoas que colaboran acondicionando o Parque, habilitando zonas de aparcamento ou servindo o gran banquete oficial no que se pode participar acompañando ás autoridades (no corazón da festa en cómodas mesas), con só adquirir con antelación unha tarxeta que permita a entrada no recinto acotado, así como a degustación dun gorentoso menú.

O Parque Municipal do Carballiño serve, ademais, de vitrina para anunciar posteriores celebracións de todo tipo, ou mesmo para promocionar diferentes productos.

O espléndido resultado de moitos días de esforzo entre bastidores co que foi conseguindo esta resoancia deu pé para acada-la merecida honra de ser declarada de Interese Turístico no ano 1972.

 
     

Producto exaltado  
     
 
Ó refrán "pra carne, pan e viño, o Carballiño", para tomalo na súa xusta medida habería que lle engadir: "e polbo". É gracias a este producto, en parte, polo que a vila é coñecida e recoñecida dende ben lonxe.

"O polbo transportábase dende Marín en cabalos, mulas ou carretas, e non corría perigo de que se botase a perder, xa que tiñan que secalo como primeiro paso para logo proceder á súa elaboración".

Aínda que non é só polbo o que se pode degustar, pois a carne ó caldeiro (Carballiño é unha importante bisbarra gandeira), empanadas de trigo e millo, os mellores viños do Ribeiro, augardente e queimada forman parte do menú oficial, sendo tamén ofrecidos nos múltiples chiringuitos instalados no parque.

Este molusco cefalópodo, pacífico e escorregadizo, moi fértil, malia as lendas dos perigosos polbos xigantescos e malditos, aliméntase de pequenos peixes, crustáceos e outros moluscos que adoita levar á súa gorida entre rochas, preferentemente pola noite.

"Voute mazar coma un polbo", é un dos ditos que non precisa aclaración de signifado. Certamente o polbo é un animal de carnes moi duras polo que precisa ser abrandado, esfregándoo contra unha pedra ou golpeándoo contra ela; tamén pode ser substituída a malleira por un permiso de dous días no conxelador.

Caldeira de cobre, aceiteira e pementeira de latón, sal grosa, pratos de madeira e lume de leña de carballo, son os elementos imprescindibles para poder servi-lo polbo á feira.

O momento da súa cocedura tamén ten o seu aquel, ha de meterse na caldeira cando a auga está a ferver, asustándoo (metelo na auga e sacar axiña) unhas tres veces, ata que reviriche para que non lle caian as ventosas. Nin brando nin duro, o punto xusto de cocción é o que lle teñen tomado as polbeiras de Arcos, ata tal punto recoñecidas, que teñen sido chamadas para prepara-lo polbo en festas de beiramar, como ocorreu no 1992 en Santa María de Oia.

Logo de cocido, retírase da auga e córtase en rebandas finas que se colocan instantaneamente sobre os pratos de madeira. O sal, o aceite e o pemento picante complementan este prato que goza de nome propio, malia que haxa polbo por toda a costa española.

Os polbos reais, comestibles, cautelosos, asisados e afrodisíacos transfórmanse en bestas malditas opostas ó home ó través da pluma dalgúns talentos literarios (J. Michelet, Víctor Hugo e Xulio Verne), nembargante este animal homenaxeado no corazón da Vila do Arenteiro, serve, non só para comer, senón para estimula-la imaxinación e a creatividade das polbeiras e dos mariñeiros, preparando o polbo unhas e creando aparellos e artes de captura (raña, espiga, cotelo, garabeta, bicheiro, nasas, palangres...) os outros, como ben sinalaba nun coidado artigo publicado en La Voz de Galicia, Xosé Antón Fidalgo Santamariña ("As metamorfoses do polbo")

 
     

Puntos de interese turístico  
     
 

Templo de Vera Cruz.
Mosteiro de Oseira.
Igrexas románicas de Lamas e de Astureses.
Santuario da Saleta.
Pazos de Banga, Madarnás e Arenteiro.
Balnearios ou caldas de Partovia, Arcos e Berán.
Piscifactoría no Arenteiro.
Mirador da Serra do Suído.