Festa do carneiro ó espeto  
     
 
 
     

Rasgos de identidade  
     
 

MORAÑA, PONTEVEDRA
DERRADEIRO DOMINGO DE XULLO

Moraña é un concello da provincia de Pontevedra e diócese de Santiago integrado por nove parroquias que a configuran cunha forma de corazón que ben serviría para defini-lo carácter afable das súas xentes.

As arterias do río Grande (Umia): Xandeiro, Castiñeiras, Agra, Chaín, Castelo e Cornide bañan as terras desta bisbarra imprecisa en canto á nominación (Interior Pontevedrés, Alto Salnés, Moraña...) que goza asemade da suavidade do océano e da pureza da montaña.

 
     

Orixe e desenvolvemento  
     
 
A Festa do Carneiro ó Espeto que se celebra no derradeiro domingo de xullo e que no ano 1993 acadou a súa XXIV edición, naceu como Festa da Xuventude. Santa Lucía, a capital, non tiña daquela a súa festa patronal. O día de Santa Lucía cadraba de cheo no inverno (13 de decembro) e deixara de se celebrar, sendo outro lugar da mesma parroquia de Saiáns, o Buelo, quen se fixo cargo do acto festivo na honra da Santa. Santa Lucía quedou sen día sinalado. Quizais ese fose o motivo que impulsou a don Xosé Lago Cambeiro, cura párroco de San Salvador de Saiáns, a organiza-la primeira Festa da Xuventude na capital. Os actos máis importantes desta xuntanza foron unha misa de campaña no campo da Feira Nova, múltiples xogos e probas deportivas, e unha sinxela comida de confraternidade na propia carballeira da feira. Ó ano seguinte, na primeira fin de semana de agosto, dado o impacto producido e a xente mobilizada, a festa completouse cunha gran verbena de tarde.

No ano 1970, co pulo que estaban a te-las festas gastronómicas en todo o país galego, dende o Concello, sendo alcalde Laurentino Castro Piñeiro, deuse pulo á idea de facer coincide-la Festa da Xuventude cun festexo gastronómico de grande estima en toda a bisbarra; consistía nun asado criollo coñecido como carneiro ó espeto. Non había festa caseira que se preciara que non contase entre os seus manxares co recendente e saboroso carneiro, de aí o convertelo na gastronomía típica de Moraña.

Moitos coinciden en afirmar que este xeito de asa-los carneiros tróuxoo da Arxentina un tal Eduardo Fariña "O Gaucho", fillo do Pampeiro (emigrante na Pampa) a finais dos anos vinte. Outros avogan por atribuír este privilexio a Xosé Novo Fernández alcumado O Negro (irmán do Rabacholo de Santa Cruz) quen alá polo 1930 abandoou os eidos da emigración e voltou ó seu lugar de orixe, Moraña. Nembargantes, nin foi O Gaucho nin foi O Negro, dicíanos Laurentino Castro (daquela, alcalde e promotor da festa), foi Rafael Fariña, coñecido por Rafel de Cortes e tío do Gaucho, que xa asaba carneiros, dos que se teña constancia, no ano 1923.

Nesa 1ª edición, sendo asador maior Elías Ameal, chegáronse a asar dezaseis carneiros. Cada edición foi batendo a mellor marca ata chegar a cento quince, que tendo en conta as limitacións do lugar onde se celebra, a Carballeira de Santa Lucía, é difícil que se supere. Aínda que cos que se asan en restaurantes e bares pasan dos douscentos.

Na devandita carballeira dispóñense as mesas, unha por cada grupo de persoas (de 15 a 20) ou por cada lote de comida, que inclúe: un carneiro, dúas empanadas (unha de zorza e outra de bacallao), pan, un garrafón de viño do país, café e o servicio; no ano 1993 acadou o prezo de trinta e dúas mil pesetas. Por razóns de ofrecer bo servicio e bo producto, a organización fai imprescindible a reserva de mesa cuns días de antelación. Reserva que se fai efectiva nas entidades bancarias da localidade. Dende o ano 1992 é o Concello, rexido por Xosé Eiras Paz, quen botou man da organización, aínda que xa colaboraba economicamente dende atrás. Ata ese intre viña encargándose unha comisión integrada por mozos de Santa Lucía.

Este acto festivo que naceu como Festa da Xuventude e se celebraba o primeiro domingo de agosto, foise trocando pouco a pouco nunha festa gastronómica, prescindindo do elemento relixioso, adquirindo, por popularidade, o definitivo nome de Festa do Carneiro ó Espeto, e collendo a data do derradeiro domingo de xullo para evitar facela coincidir con outros festexos que a escurecesen.

Grupos de danza, exposicións culturais de artistas autóctonos, concursos, verbenas..., enchen a fermosa carballeira, dende os dous días anteriores, dun ambiente asegurado, cunha firme consolidación acreditada polo continuo incremento do éxito festivo.

 
     

Producto exaltado  
     
 
Arredor das 6 da mañá os especialistas comandados por José Sueiro O Muiñeiro e David Redondo, dous personaxes que gozan de probada experiencia que os converte en verdadeiras institucións na arte do asado de carneiros, prenden lume ós rachóns de carballo facendo numerosas fogueiras. Cando a brasa está feita, comeza o espectáculo. Póñense arredor ós carneiros espetados en ferros con forma de dobre cruz que se van asando paseniñamente (o proceso dura de catro a seis horas) mentres son pincelados cun prebe preparado adrede para a ocasión (ver receitas) a intérvalos que só os entendidos saben.

A cor da carne fresca vai virando cara ó tostado, os futuros comensais renden culto arredor dos deuses gastronómicos, vixiando de cando en vez a apariencia das múltiples pezas; os curiosos (atraídos polo recendo) fanse a si mesmos a firme promesa de reservar lote para o ano seguinte. No ano 1994 cámbiase de asador maior, correspondéndolle esta honra a José Benito Fariña Ruibal, que curiosamente é neto de Rafael de Cortes e primo segundo de Eduardo "O Gaucho"

 
     

Puntos de interese turístico  
     
 

Petroglifos e Menhir (Lapa de Gargantáns, único en Galicia), na parroquia de San Martiño de Gargantáns.
Igrexas románicas en San Martiño de Gargantáns e en San Pedro de Rebón.
Santuario da Virxe dos Milagres na parroquia de Amil.
Castro de Rebón.
Praia fluvial da Ponte Nova no lugar de Grixó (Santa Cruz de Lamas).