Festa do choco  
     
 
 
     

Rasgos de identidade  
     
 

REDONDELA, PONTEVEDRA
SEGUNDO DOMINGO DE MAIO

Redondela, chamada Rotundella por Enrich Lassota, célebre peregrino que deixou pegada do seu paso pola vila, é un concello mariñeiro integrado por doce parroquias que se asentan preto de onde a ría de Vigo estreita a súa boca (Rande) como querendo garda-los tesouros mariños para a vila. Sitúase no fronte da enseada de San Simón inclinándose e rendendo honras á privilexiada ría que xa foi eixo comercial en tempos prehistóricos. A Vila das Pontes (os viaductos forman parte da súa identidade) que soubo garda-los tesouros megalíticos e mesmo do seu esplendor medieval, foi e segue a ser un importante centro de comunicacións viarias do ferrocarril, converténdose nun lugar de paso "do que non se debe pasar".

Na súa economía, ocupa un posto de relevancia o seu porto que dá acubillo a un número importante de embarcacións que se dedican á pesca con cerco, ás nasas e ocasionalmente ó marisqueo na ensenada onde se atopa a praia de Cesantes.

 
     

Orixe e desenvolvemento  
     
 
De sempre, perdida na memoria das súas xentes, Redondela ten merecida sona na captura e preparación do choco, de aí o meritorio sobrenome de choqueiros co que se coñecen ós seus veciños. Xa no ano 1700 os mariñeiros pescaban chocos na zona. Esta longa tradición fixo que comezase a rebulir na cabeza dalgúns hosteleiros redondeláns a idea de que, por lei, se debería de face-la festa do choco, na crenza de que había festas gastronómicas noutros puntos da xeografía galega con menos xustificación real, e coidando que sería un bo medio de promociona-lo producto. Esta idea foi proposta ó Concello por unha asociación de empresarios e axiña contou co apoio do alcalde Xaime Rei Barreiro, sendo este quen asume a presidencia da comisión de festas.

Na súa primeira edición, 1987, celebrouse no mes de setembro, presentando unha única caseta na Alameda, dependente da comisión. En anos sucesivos, e dado o éxito acadado, decidiron dar campo aberto a tódolos hosteleiros redondeláns que o desexasen. A festa adquiriu, en pouco tempo, gran importancia entre as gastronómicas, pois a maneira de a desenvolver, o especial sabor do molusco de corpo oval, e o seu privilexiado emprazamento, non precisa de gran propaganda para congregar multitudes.

En posteriores edicións cambiaron as datas para maio, xa que conxugan a posibilidade dun día agradable coa boa época para o consumo do choco. No ano 1993 fíxose por primeira vez no recinto da Feira, pois en anos anteriores fundíase o gastronómico con outros actos paralelos no lugar da Xunqueira e iso eclipsaba un pouco o carácter principal da mesma, o gastronómico.

"Dende que comezou a festa, hai máis chocos na ría anque pareza o contrario, porque a Confraría de Pescadores está loitando por eles. O choco cría na folla do piñeiro e preparan o leito para facilita-lo desove do choco" (Xosé Manuel Durán).

Múltiples actos completan xa dende a véspera a xornada festiva. Rallye de coches antigos (habitual na festa), organizado polo Clube Galego de Automóbiles Antigos, sendo o nº 1, o máis antigo, o de don Diego Pazó Montes, un Renault modelo Freres do 1902. No 93 fíxose unha exposición de aparellos e artes da pesca do choco. Actuación de diversos grupos folclóricos, bandas, pasarrúas, bombas de palenque..., mestúranse coas palabras atinadas que dende o balcón da casa do concello dirixirá un pregoeiro de prestixio a tódolos presentes.

No 93 o profesor da Universidade de Nova Iorque D. Amado Rincón Viruleg, deleitou ós asistentes coas súas verbas de exaltación ó choco e a esta vila milenaria.

Dende as once da mañá, e por prezos realmente populares, os visitantes poden degusta-lo referido choco preparado de distintos xeitos, e mesmo probar de maneira gratuíta os pratos presentados ó concurso gastronómico (dende empanadas xigantes ós pratos máis exóticos e innovadores) pero, claro, logo de que un xurado de verdadeiros expertos cate os sabores e deixe cae-lo seu veredicto. No concurso só poden participar persoas e os hosteleiros de Redondela, que optan ós premios da mellor recieta creativa, da de chocos na súa tinta e da empanada de chocos.

Así mesmo, e dentro dos actos do domingo, no convento de Vilavella ten lugar un xantar popular servido xeralmente por Casa Paco, restaurador con tradición na preparación do choco e quen máis veces foi premiado no concurso gastronómico.

"A homenaxe que lle facemos ó cefalópodo rei está perfectamente consolidada entre os actos festivos da localidade" (Javier Núñez Salgado, responsable de Cultura do Concello).

 
     

Producto exaltado  
     
 
O choco é unha das especies que domina na producción do porto de Redondela, capturado cunha nasa especial, semellante á do polbo, pola numerosa flota artesanal. Este cefalópodo negro é o principal protagonista da festa, que se presenta na mesma preparado con diferentes traxes; así se poden degustar con arroz, na súa tinta (quizais dos máis solicitados), en empanada, ben sexa de trigo ou de millo. Precisamente, estes pratos entran nas bases do concurso gastronómico; nembargante os organizadores, querendo incentiva-la orixinalidade de cada quen, teñen establecido un primeiro premio á mellor receita creativa con chocos (como xa citamos). Así en anos sucesivos foron aparecendo algunhas innovacións como chocos en tortilla, chocos pasados polo ferro, en salpicón, e ata hamburguesa de chocos, ¡todo un éxito!, segundo Xaime Villaverde, un dos organizadores. Outras receitas que saíron do común foron a de langosta con chocos ou a de chocos con ameixas e fabas que fora premiada nun dos concursos.
 
     

Puntos de interese turístico  
     
 

Igrexa parroquial de Santiago.
Igrexa de San Andrés de Cedeira.
Convento de Vilavella.
Igrexa románica de San Fausto (Chapela).
Necrópolis de Chan das Formigas con mámoas.
Pazos de Pousadoiro e de Torre-Cedeira.
Castros (Coto do Castro, Castro da Peneda, Quintela, Marco...)
Praias de Arealonga (Chapela), Cesantes, Punta do Cabo.