Chamizo  
     
 
Lista de honra de CLIJ 1994
Edicións Xerais, Vigo, 1994
Merlín - Nº 50
ISBN: 84-7507-805-2
Nº de páxinas: 78
Formato: 13'5 x 19
6ª edición: Febreiro 2008
 
     

Traducións  
     
 

Euskera: Ilenti (Desclée De Brouwer, Bilbao, 1999)

 
     

Sinopse  
     
  Martina é unha nena de nove anos cun pelo acastañado, unhas meixelas salpicadas de graciosas pencas e uns ollos claros. O que máis desexa Martina no mundo é ter un animal, pero ós seus pais sempre lle están a explicar que un piso non é o lugar axeitado para telo. Un día no patio do colexio ó ir tirar a goma de mascar na papeleira, algo que mira dentro dela, fai que se deteña. ¡Un gatiño pequeno! É como un chamizo, soamente unha mancha branca lle interrompe a cor negra.
 
     

A autora (Maio 1994)  
     
 

¿Ti cantos anos tes? ¿A que xogas cando te deixan? Eu ós nove anos non tiña moitos xoguetes pero como os meus veciños tampouco, non os botaba en falta.

Anque nacín en Xeve (Pontevedra), daquela xa había ben tempo que vivía na Porta do Sol de Lérez, e polo verán e mesmo ó saír da escola (porque case non tiñamos deberes), xogabamos á partida, á palma corrida, ó escondite inglés... ¿A que non sabes onde? ¡Na mesmísima entrada! Total case non pasaban coches, só os "carrillos" das leiteiras de Berducido, e aínda che daba tempo a fuxir porque os cabalos eran de verdade, non coma os dos coches.

Tamén xogabamos a ir ó "rebusco" ó remate da vendima, por ver de atopar algún acio de uvas esquecido, pero cando mellor o pasaba era cando nos viña a dona a berrar e tiñamos que escapar dando cos pés no cú, ¡moito riamos daquela!

Outra cousa que me gustaba e aínda me gusta era xogar cos animais, menos cos ratos e iso que, ás veces, tíñaos na casa. A propósito, a nosa casa posuía unha eira moi, moi cativiña, case non cabía nin un gato. Aínda así eu tiña a teima de reclutar canto gato pequeno atopaba polos camiños. Na casa berrábanme pero eu poñíame tan parva que remataban por aceptalo, só por non me aturar. Cando meus pais non estaban, ata o teño levado para a cama. Hoxe iso non o fago; ¡agora fano os meus fillos!, e eu bérroles por cochinos. Trouxéronme para a casa unha gatiña gris, moi pequeniña que atoparon abandonada. Xa medrou moito e chamámoslle Lúa. Hai pouco estivo moi maliña, eu diría moi grave, gravísima, pero coidámola tanto que sandou. ¡Ata sorprendemos ó veterinario! Á conta diso, ten un carro de mimos e, ás veces, cando estou a escribir, vén para o meu colo e déixoa.

¡Ah!, esquecíame, é que eu escribo historias que invento a partir de recordos coma estes, outras veces soño, e despois tento escribir eses soños, e pásame unha cousa ben rara: canto máis escribo, máis gana teño de ler, e canto máis leo, máis gaña me entra de escribir. ¿Ti probaches a facelo?

 
     

Anaco da obra  
     
 
(...)

"Pedireille a Pedro que me deixe comer no seu sitio. Creo que xunto á esquina da parede estarei máis segura".

-Pedro, ¿non che importa cambiarme de sitio?

O seu amigo, anque estrañado, xa que precisamente llo tiña cambiado nos primeiros días de curso, accede sen facerse de rogar, polo que, erguendo da esquina, limítase a dicir:

-Como queiras.

De menú, lentellas e macarróns con carne; este último é o prato preferido de Martina que pensa en meter uns poucos no peto para que coma o gatiño que semella ser dos mesmos gustos ca ela. En canto comezan a servi-los macarróns empeza a miañar sen parar. Martina en vez de se poñer colorada, ponse alba. A súa inmediata reacción é coller do seu prato a toda velocidade un puñado de macarróns coa man e metela axiña no peto esquerdo. De certo, o gato debía querer comer porque automaticamente para de miañar. O boureo das múltiples voces dos comensais e o traqueteo da louza evitan que alguén se decate do feito. Ninguén sabe que ten un gato no comedor.

Chegan os postres e, de seguido, ese sagrado momento de silencio, imprescindible para poder saír do inmenso comedor, no que o encargado aproveita para darlles conta a todos dos defectos que, en xeral, observou na maneira de comer.

A tal fin, fai soar unha campaíña e, de súpeto, no comedor apáganse as voces. Nada máis comezar a falar, uns miaños empezan a soar cada vez con máis insistencia.

(...)