¡Asústate, Merche!  
     
 
Lista de honra de CLIJ 1995
Edicións Xerais, Vigo, 1994
Fóra de xogo - Nº3
ISBN: 84-7507-843-5
Nº de páxinas: 216
Formato: 13 x 21
12ª edición: 2006
 
     

Traducións  
     
  Catalán: Ostres, tu, saps què? (Editorial Cruïlla, Barcelona, 1996)
Castelán:¡Pásmate, Merche! (Ediciones SM, Madrid, 1997)
Portugués: Nem te passa! (Contemporânea Editora, Matosinhos-Portugal, 1998)
 
     

Sinopse  
     
  Esta historia iníciase cando, a través dunha nota necrolóxica dun xornal, Auria descobre unha terrible e misteriosa razón que a empuxa cara ó suicidio. Por medio de Merche, o diario de Auria, e dun narrador, revivimos unha viaxe por Europa. O presente e o pasado avanzan paralelos. Os capítulos do pasado van dando claves para descifrar a súa situación actual. O descubrimento do amor, o sexo, o aborto, a amizade, os estudios, as relacións familiares... xorden dese fío argumental que resulta ser a viaxe.  
     

Anaco da obra  
     
 
(...)

Domingo 29 de marzo

¡Ola Merche!

¿Que lle pasa a miña nai agora? Perdoa que comece así de súpeto pero é que non aguanto máis, por iso che escribo hoxe.

Vouche contar o que sucedeu onte dende que te deixei. Asústate, porque a cousa non é para menos. Non peguei ollo en toda a noite.

A ventá do meu cuarto dá á mesma fachada da sala de estar nova, anque fai un pouco de ángulo. Alí é a onde mamá pasou ó senvergonza de Salvador. Eu non podía oír moi ben o que dicían porque falaban moi baixiño e tenteino cun tubo que tiña alí, que me quedara de forrar libros. Puxen un extremo na parede e o outro na orella pero case non sacaba máis ca algunha palabra solta. Quixen asegurarme por min mesma de a que viñan aquelas visitas, e oxalá nunca o fixese. ¡Estou que boto fume! Como che dixen, non oía nada e abrín a miña ventá moi a modiño; como a parede torce un pouco cara a dentro, puxen un espello e, ¡asústate!, Salvador tiña collidas as mans de miña nai e bicáballas. ¡Bicáballas o moi porco! Non eran suposicións miñas, é certo. Miña nai enténdese co cura. ¡Que vergonza!

Hoxe estiven estudiando, vaia, facendo que estudiaba porque non son quen de me concentrar, só o fixen por non vela diante. Pola tarde saín. É a primeira vez que saio sen Paio pero é que non quería falar con ela, que ben me notou algo raro. Cando me preguntou, díxenlle que me doía a cabeza.

Estou sinceramente atordada. De pequena ensínanme a crer nun Deus que premia ós bos e castiga ós malos, logo, cando me decatei do que pasou co de meu pai, coa situación na que quedou miña nai, deixo de crer en todo o relixioso. Despois coñezo a Paio e comezo a ter novas dúbidas, e agora isto. Creo que vou facer o que realmente me pete en cada momento, á fin e ó cabo é o que fan os demais, ¡ata os curas! Creo que comezo a entender perfectamente a Frida. Ela é moito máis espelida ca min. Sabe ver as cousas antes de que pasen, eu nunca as teño claras.

Prefiro non seguir escribindo porque teño medo a poñer barbaridades das que me chegue a arrepentir. Deica logo.

Auria

(...)