Ás de mosca para Anxo  
     
 
Edicións Xerais, Vigo, 2002
Sopa de Libros - Nº 6
ISBN: 84-8302-863-8
Nº de páxinas: 144
Formato: 13 x 20
9ª edición: 2008
 
     

Traducións  
     
  Valenciano: Ales de mosca per a Àngel (Editorial Anaya, Madrid 1998)
Castelán: Alas de mosca para Ángel (Editorial Anaya, Madrid, 1998)
Euskera: Euli-hegoak Anxorentzat (Editorial Anaya, Madrid 1998)
Catalán: Ales de mosca per a l’Ángel (Edit. Barcanova, Barcelona, 2001)
 
     

Sinopse  
     
  ¿Chegará algún día no que poida existir unha convivencia feliz entre os seres humanos máis alá das diferencias de ideas ou capacidades? Estrela, unha nova alumna do derradeiro curso de primaria -que recibe clases de apoio-, demostrará ós seus compañeiros de colexio, á súa familia e... a todo o mundo que o máis importante é ter un gran corazón.  
     

Entrevista á autora  
     
  ¿Como describiría este novo libro?

Non me resulta doado aparentar obxectividade para describir un fillo moi desexado, como foi o caso. "Ás de mosca para Anxo" xira arredor dun tema, por desgracia, aínda actual, os secuestros.

Ten como protagonista unha nena de 12 anos, Estrela, cunha certa deficiencia psíquica, que consegue impactar cunha inocente carta e un tremendo e insólito sacrificio, a toda unha vila e mesmo a todo o país, no seu propósito de que liberen a seu pai. Gustaríame que chegase ós lectores e ás lectoras coma unha historia crible, non pesimista, tenra e dura asemade, que deixa un certo eco, que se escoite no silencio un chisquiño despois da lectura.

¿Como lle afectou a redacción de "Ás de mosca para Anxo" a concesión hai dous anos do Premio Nacional?

De certo, non a empecei a escribir ata que fun quen de me desprender do peso das responsabilidades que provoca un premio desta categoría. Agardei ata recuperei a sensación de que cando escribo estou descubrindo algo novo, de sentir respecto por cada palabra que apreixo, pero perdendo o medo as ataduras artificiais que me bloqueaban.

Non puiden escribir ata que o Premio deixou de afectarme e puiden seguir coma sempre: aprendendo e tentando facelo o mellor que sei e, asemade, sen deixar de disfrutar.

¿Canto hai de realismo nesta obra?

De realismo agardo que haxa moito, que o mesmo que crin eu nela, que sexa crible para os demais. Isto non significa en absoluto que sexa real.

Eu coñezo alguén con problemas de deficiencias semellantes ás da protagonista, a existencia dos secuestros é obvia (abonda con ter oidos...) E conmóveme en gran medida o que lle pode tocar a unha mente inocente en todo isto. Penso, tamén, que os "listos" non son precisamente os que manteñen viva a miña esperanza de cambiar o mundo. Precisariamos mentes máis puras, e máis achegadas ó Principiño.

¿Cre que se aprecia suficientemente a literatura destinada ós máis pequenos?

Non, e ó mellor é precisamente pola etiqueta de idade. Pouca xente adulta (exclúo os estudiosos da materia) se dá a si mesma a oportunidade de se abrir un libro deste tipo de maneira totalmente libre. ¡Non van perder o tempo! Penso que é unha mágoa que non chegen a descubrir nunca que a Literatura, a boa Literatura non ten límites de idade por riba.

Ben seguro que se sorprenderían do que os pode facer disfrutar e mesmo conmover unha historia "para nenos" ben escrita.

A LIX existiu, quizais con máis respecto, dende antes de que nacese o seu nome. A infancia que tivo acceso á lectura, fixo súas historias que gustaban tamén ós adultos, que mesmo foran concevidas para eles ¿por que non vale ó revés? (A min aquí pódeme o convencemento total e seguiría reivindicando, pero sei que non é o momento).

¿En que novos proxectos está traballando?

O pracer de crear é para min coma unha pedriña de azucre que caese no café. Vaise enchoupando sen poder evitalo (ou sen desexalo) ata que se derrete. Se a cabeza me vai regulando, seguirei escribindo mentres a miña vida (aínda que non sempre sexa de azucre) se vai derretendo.

Hai algunhas outras historias que petan na miña porta, a algunhas xa lles abrín... a un paxaro Pimpín... a uns ruídos nun cemiterio vello... A verdade é que nun oficio tan en soidade, tan en segredo, mentres no está rematada a historia na que ando dame... máis ben non me dá... xeito abrirlle as portas ó público cando aínda está a medio vestir.

 
     

Anaco da obra  
     
 
Esta mañá os quioscos da vila esgotaron os seus xornais antes das once. Traen varias páxinas falando dese señor que está secuestrado. E volveron publica-la carta de Estrela e mailo que pasou despois; por iso queremos gardar esas follas como recordo.

Creo que por primeira vez na nosa existencia lemos varias páxinas xuntas dun xornal. Ó pé da carta volvía aparece-la nosa sinatura. Tareixa dixo que pensa facerlle un marco para poñelo no salón da súa casa coma se fose un cadro dunha pintora famosa.

A foto de Estrela non vén. Seus pais prohibírono; queren que os xornalistas se esquezan pronto dela e a deixen en paz. Estrela puxérase moi nerviosa cando un cámara e unha xornalista se achegaron e lle empezaron a gravar e a preguntar seguido.

LIBRE GRACIAS Á SENSIBILIDADE DUNHA DEFICIENTE MENTAL

¿Podemos poñer axiña ese titular na nosa portada?

Conmovedor desenlace da historia que esta redacción lles vén relatando dende hai varios días sobre a desaparición de Estrela Canedo. Despois do seguimento do caso, ofrecémoslle unha noticia desexada e impresionante polo que ten de aleccionadora para todos.

Hoxe, gracias ó alumnado do Colexio Rosalía de Castro por subscribir, coa súa valiosa sinatura, unha preciosa carta escrita por unha nena un tanto especial, o empresario Ramón González, que continúa neste intre privado de liberdade, pode te-la certeza de que a súa traxedia persoal non está esquecida. En tódolos recunchos do país se segue a escoitar unha voz unánime. ¡BASTA XA!

Van alá cento noventa e dous días de tortura para don Ramón. Oxalá este sexa o derradeiro. Abondaría con que a carta e os acontecementos que se desencadearon despois, fixesen nos secuestradores a metade do efecto que produciron na poboación enteira.

Debemos felicitarnos por termos entre nós unha rapaza capaz de facer seu o drama que neste intre están vivindo os fillos do empresario, expresando a súa rebeldía e desesperación de maneira máis insólita. Unha aparentemente simple carta, cargada de inxenuidade, dura e tenra asemade, xunto coa escalofriante actitude valerosa de Estrela, anhelamos sexa o móbil que faga reflexionar a aqueles que semellan durmidos ante tanta barbarie...

(...)