| Un saco de estrelas | ||||||||||
|
||||||||||
| Sinopse | ||
|
Celebrando a chegada ó número cen da Colección Merlín, Xoán Babarro González, Fina Casalderrey, Antonio García Teijeiro e Gloria Sánchez escribiron uns contos especialmente fermosos, que Xan López Domínguez se encargou de ilustrar. O resultado e este Un saquiño de contos, un saquiño que garda no seu interior catro contos magníficos, deses que nos fan rir e que nos emocionan, porque están escritos co corazón. |
||
| Anaco da obra | ||
|
Chegou a primavera coas súas tormentas rápidas e axiña vestiu as árbores froiteiras con flores brancas e rosadas. Tamén apareceu no lugar unha muller maior. Ninguén a coñecía, pero moitos nenos e moitas nenas deron en meterse con ela. - Vella louca, ¿que levas nese saco branco? - ¡Tola!, ¿por que pintas o pelo en tiras de cores? - ¿É certo que roubas nenos? - ¡Xarbota!, ¿como é que andas sempre descalza? - ¡Vella! ¡Vella! ¡Vella! Os insultos pasaban de boca en boca con voces aguzadas que picaban máis cás espiñas dunha roseira. Evitaban mirala de fronte porque tiñan medo de que, coma o sol, os mancase nos ollos. As preguntas que lle facían parecíanse máis a pedradas que a verdadeiros desexos de conversar. - ¿Como é que pintas as uñas de tantas cores se xa es vella? - ¡Bruxa! ¡Es unha bruxa! ¿Por que non se oen as túas pisadas ó camiñar? Estrañáballes que os seus pés descalzos non fixesen nigún ruído ó pisar os papeis que aparecían ciscados polo rueiro. - ¡Non toca o chan! -exclamou Alba asustada. Co seu vestido estampado, toda ela semellaba unha bóla de cristal. - Ben seguro que vive na cova que o mar fixo no acantilado -dixo un neno. - ¿E que come? ¿Peixes crus? ¿Nenos? -preguntou outro. Cada atardecida do mes de maio, antes de que o sol comezase a prepara-la súa cama laranxa no leito das montañas, aquela muller pasaba entre as burlas dos nenos e das nenas cara ás leiras de Sobredorrío. (...) © Fina Casalderrey, 2001 |
||