| Empanada de millo de vieiras | |||
|
|||
| Ingredientes | ||
| Masa de millo, 1 1/2 ducia de vieiras, 2 tomates maduros, 3 cebolas grandes, 1 cabeza de allo, 1 pemento encarnado, 2 sobres de azafrán, 4 ramas de perexil, 150 gramos de xamón curado, aceite e sal. | ||
| Preparación | ||
|
Cun coitelo quítanse as vieiras da cuncha, lávanse en auga de abondo para quitárlle-las areas. Tíraselles, así mesmo, a parte negra (cunha tesoira de cociña resulta moi doado). Pícanse as cebolas, o allo e o pemento e póñense a refogar no aceite. Cando xa está dourada, engádense o tomate sen pel nin semente, as vieiras, o xamón en tacos e unhas areas de sal (dependendo de como estea o xamón). Dáselle unhas voltas e retírase do lume. Logo de enfriar, engádese o perexil picado e o azafrán. Como tódalas empanadas de millo débese facer en lata ou empanadeira. Prepárase a primeira capa de masa sobre a empanadeira previamente
engraxada, repártese a zaragallada e colócase a outra capa
do xeito que aparece explicado na masa de millo. Quédanlle ben unhas follas de loureiro cociñadas ó
tempo que se doura a cebola. Tamén se pode facer empanada de vieiras con masa de fariña triga gramada ou con masa follada. Nalgunhas casas adoitas completa-la zaragallada cunha cullerada de pementa branca. Outros intercalan rebandas de ovo cocido. © Mariano García - Fina Casalderrey, 1993 |
||